Chévere
Sus libros

Eroski Paraíso
“Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se estivese parada exactamente no mesmo lugar mentres a vida lle pasaba por diante a toda présa. Unha maneira coma calquera outra para retratar o desarraigamento que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala,dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria ”. [Fragmento do limiar de Xesús Ron: “O estado de benestar desde o lado da sombra”] “Eroski Paraíso” é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros de 1972 a 1990 e que despois converteuse nun supermercado Eroski. Este feito repítese en numerosas vilas e cidades onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización foron virando en lugares de consumo.

As fillas bravas de Momán
Unha homenaxe teatral ás cantareiras e á poesía popular, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025. As Fillas Bravas son tres mulleres maiores que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. Viven en Momán, unha aldea que representa todas as aldeas e na que todo é posible. Elas veñen a reafirmar modelos apoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados, valorizando a participación das mulleres na construción dunha memoria e dunha identidade colectiva. Este novo título da colección Biblioteca de Teatro é un recital teatralizado que actualiza a vixencia dos valores que as mulleres achegaron á cultura tradicional, creando e transmitindo un importante repertorio de creatividade colectiva arredor da música, o baile e do canto. É tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que o grupo Chévere realizou unha escolma e adaptación de textos de transmisión oral.
