Lindgren
Sus libros

Pippi Mediaslongas
Nenas e nenos de todo o mundo temos pasado horas inesquecibles de lectura ao abeiro das aventuras e das extravagancias de Pippi Mediaslongas, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Diversión, tenrura e humor, optimismo e ledicia son ingredientes deste clásico universal e imprescindible; dun personaxe literario convertido nunha icona contemporánea que inspirou unha serie na televisión sueca en 1969 e varias películas protagonizadas tanto por actores como por debuxos animados. Esta edición en galego conta coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman.

Pippi Mediaslongas nos mares do Sur
Pippi Mediaslongas ten a capacidade de converter nunha aventura abraiante calquera cousa que faga. Nesta ocasión, canda os seus inseparables Tommy e Annika, Pippi viaxará co seu pai, Efraim Mediaslongas, á illa de Korakora, onde o capitán é un poderoso rei. «Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur» publicouse orixinalmente en 1948 como colofón da triloxía formada por «Pippi Mediaslongas» (1945) e «Pippi Mediaslongas embarca» (1946). A recuperación deste clásico, coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman, permite seguir gozando das extravagancias desta figura icónica da literatura contemporánea: rebelde, transgresora e desclasada, simpática, independente e extrovertida, Pippi rompe estereotipos e actúa de forma contestataria fronte aos maiores. Moitos adultos -ben no ámbito da literatura, ben da educación- escandalizáronse polos xestos e comentarios do personaxe e tildárono de mal exemplo para a infancia. Sen embargo, o éxito da obra literaria foi imparable, dando lugar a unha serie na televisión sueca e varias películas.

Lotta
Un canto á liberdade da infancia. Un divertido libro de aventuras escrito por Astrid Lindgren e ilustrado de xeito maxistral por Beatrice Alemagna. Lotta ten algo máis de catro anos e vive coa súa familia na casa amarela da rúa dos Oleiros, aínda que o seu pai diga que debería chamarse rúa Algareira polo barullo que fan. É unha nena feliz, rachada, valente, teimuda, segura de si mesma e moi boa argallando as ideas máis tolas para axudar a resolver os máis diversos problemas. Outra historia para seguir lendo en galego a imprescindible autora de Pippi Mediaslongas. Un clásico de aventuras acompañado das ilustracións de Beatrice Alemagna, cheas de cor, presonalidade e humor.
